CHECHÉ REAL: “A CRISE ESTÁ DESGASTANDO A CAPACIDADE CONSUMIDORA DOS CLIENTES, PERO CONFIAMOS EN PODER SEGUIR ADIANTE”

CHECHÉ REAL: “A CRISE ESTÁ DESGASTANDO A CAPACIDADE CONSUMIDORA DOS CLIENTES, PERO CONFIAMOS EN PODER SEGUIR ADIANTE”

José Francisco Real Castro, “Cheché Real” para todos, é un dos personaxes máis queridos do sector en Galicia. É Presidente da Asociación Provincial de Hostelería de Lugo e forma parte da súa xunta directiva dende o ano 1990.

Pode facer un balance xeral da situación do sector na provincia de Lugo?

O balance na nosa provincia non é bo, coma ocorre no resto do país, porque a crise está desgastando a capacidade consumidora dos clientes e, por tanto, os negocios hostaleiros en xeral. Nas estadísticas dos periodos vacacionais máis recentes xa se reflectiu unha caída do gasto e das pernoctas dos turistas, e iso que a hostalería intenta adaptarse á situación ofrecendo prezos económicos e ampliando os seus servizos.

E do día a día e os datos globais da asociación?

Loxicamente, tamén esta crise se reflicte na hostalería da provincia e na propia Apehl, pero confiamos en poder seguir adiante.

 Un factor a ter en conta é a chegada de novos mozos á hostalería. Hai relevo xeracional? De ser así… Achegan algo novo?

Nalgúns casos si que hai relevo xeracional e ademais moi profesional, e trátase tanto de membros de coñecidas sagas de hostaleiros lucenses coma mozos que destacan por libre. Véñenseme agora á cabeza nomes coma os de Koki García, do Mesón Alberto, Héctor e Paco López, do restaurante España, Rubén García, do restaurante Campos, Álvaro Villasante, do Paprica, e Santiago Almuiña, do Mesón Colón de Nadela, todos traballando en Lugo; os irmáns Jacobo e Antonio Lorenzo, do Hotel Mogay de Chantada; Diego López García, de O Lugar de Pascuais de Outeiro de Rei; María Varela, de A Parada das Bestas, en Palas de Rei etc. Son todos excelentes cociñeiros. E os baristas Sofía Prieto, Alejandro Gómez, José Manuel Portela… Por suposto que achegan valor engadido á hostalería! Como comentaba, moita profesionalidade e, ademais, especial atención á innovación do servizo.

 A campaña e o eslogan …E para comer, Lugo conseguiu moita sona. Como foi a súa traxectoria e como avalía o seu desenvolvemento?

A marca …E para comer, Lugo foi ideada na década dos 60 do século XX polo entón delegado provincial do Ministerio de Información e Turismo, Alfredo Sánchez Carro, e no ano 2007 rescatámola na Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e lanzámola coma unha marca identitaria de promoción da gastronomía lucense no exterior. Non obstante, hoxe en día non só é unha marca gastronómica senón tamén turística, representativa da provincia no seu conxunto, que cobre o baleiro existente neste ámbito. A marca … E para comer, Lugo está todos os anos presente en Fitur, este verán tivemos un posto na zona vip de todas as saídas de etapa da Vuelta a España, tamén se viu en varias regatas importantes coma a Volvo Ocean Race… por poñer algún exemplo da súa proxección. Estamos moi satisfeitos dos seus resultados e da acollida que está tendo e cremos que segue tendo moito potencial, que por suposto aproveitaremos en beneficio da provincia.

 Incidindo no factor institucional… Ata que punto é partidario da acción institucional para a promoción turística e gastronómica? Bota algo en falta?

A acción institucional é fundamental, temos que ter o apoio e a colaboración das Administracións para poder levar a cabo accións formativas e campañas de promoción. Douche dous exemplos claros que nos atinxen directamente neste sentido, que son as reivindicacións da Apehl dun centro de formación en hostalería en Lugo, moi necesario para facilitar a incorporación á actividade tanto dos mozos coma das persoas inmigrantes, e da coordinación de accións promocionais colectivas que sirvan para vender a provincia coma un paquete único e nas que poidamos participar todos os axentes implicados nos sectores hostaleiro e turístico.

Lugo ten moito por descubrir… Que restaurante e establecemento hostaleiro da provincia, fóra dos máis coñecidos, recomendaría para facer unha escapada en outono ou Nadal?

A asociación de hostaleiros que represento aglutina arredor de setecentos establecementos hostaleiros, entre bares, restaurantes, hoteis, pubs, cámpings, casas de turismo rural, balnearios, paradores… que están dispersos por toda a provincia, pola Mariña, a Terra Chá, a Ribeira Sacra, a Montaña, a capital etc. Non podo decantarme por ningún en concreto pero si podo recomendar precisamente este abano de posibilidades que lle permiten a calquera turista desfrutar de distintos recunchos da provincia en calquera época do ano, o que converte Lugo nun destino moi versátil.

Volvendo á actividade da Apehl. Teñen algún proxecto ou mudanza significativa prevista para os próximos meses?

Un dos obxectivos principais é seguir traballando coa marca …E para comer, Lugo para consolidala como a marca turística representativa de toda a provincia de Lugo. Nese sentido, imos presentar a principios de 2013, na próxima edición de Fitur, o sexto número da guía turística …E para comer, Lugo e esperamos poder desenvolver novamente a campaña de promoción da marca na Vuelta a España que levamos a cabo este ano coa colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo. Ademais, estamos coa idea de desenvolver un concurso provincial de tapas; xa creamos e organizamos algúns certames deste tipo, coma o Cume Tapas de Monforte e o Concurso de Tapas de Lugo. Polo demais, por suposto seguiremos coas nosas liñas de traballo habituais, como son a formación continua en hostalería e o asesoramento aos asociados.

 

Comparte...