Cristina Alcalá (II): “Vou transmitirlle aos adegueiros a ilusión e o empeño desta nova etapa”

Cristina Alcalá (II): “Vou transmitirlle aos adegueiros a ilusión e o empeño desta nova etapa”

Cristina Alcalá, a nova xerente do CRDO Ribeiro, fala da proxección da D.O. fóra de Galicia e da súa situación actual.

Incidindo no tema, cal é a imaxe que ten o Ribeiro e os seus viños fóra de Galicia? É coñecido abondo a nivel internacional?

A marca Ribeiro está ben situada no seu ámbito nativo que é Galicia. De feito, a gran maioría da comercialización dos seus viños desenvólvense aquí. A nivel nacional cónstame que teñen boa imaxe para os profesionais do sector vinculada ás variedades autóctonas, viticultura local, territorio de especial arraigamento cultural e certas marcas de recoñecido prestixio, pero hai que difundir moito máis a marca Ribeiro para gañar cota de mercado e chegar aos consumidores. A nivel internacional aínda queda moito percorrido, hai que estar moi ben preparado para saír aos mercados, cada vez máis competitivos.

Están os viños do Ribeiro asentados no mercado estatal e internacional ou é unha asignatura pendente?

Avanzouse neste sentido pero aínda hai moito por facer. O importante é que a imaxe que se proxecta é boa e hai interese polos seus viños, a partir de aí hai que ir conquistando e asententando mercados estratéxicos para Ribeiro.

Querería transmitirlle algunha mensaxe ao viticultor e ao adegueiro?

Agora empezarei a ter un contacto máis directo con todos eles para coñecer de primeira man a realidade do Ribeiro. A miña idea é transmitirlles a ilusión e o empeño, tanto persoal como profesional, coa que deberiamos inciar todos xuntos esta nova etapa. Transmitir a idea de que a diversidade do Ribeiro é un valor en si mesmo, que hai que traballar dunha maneira consensuada para sacar adiante proxectos en beneficio de todos. Hai que traballar día a día pero pensando no futuro, nas xeracións que virán.

Nos últimos tempos existe certo rebumbio en torno ao papel das Denominacións de Orixe en España. Na súa opinión, cal debe ser o seu traballo? Deben reformularse, ou reorientarse, dalgún xeito?

É un tema complexo e un momento interesante o que se está vivindo en España, aínda que tampouco é novo. As funcións concretas dun Consello Regulador, como órgano de xestión dunha Denominación de Orixe, están legalmente estipuladas e son, no seu sentido máis xeral, o fomento e posta en valor dos viños amparados baixo o seu nome. Neste sentido, creo que o seu papel é de vital importancia e a gran maioría das adegas están de acordo no apoio e axuda que supón. Pero ten outras moitas funcións e obrigacións legais implícitas, que ás veces son obxecto de crítica, sobre todo as relativas ao control administrativo e de calidade que son, todo sexa dito, necesarios. Neste balance é onde xorden a maioría das controversias sobre o papel das denominacións.

Pode ler a primeira parte da entrevista aquí.

Comparte...