Cristina Alcalá (I): “Ribeiro ten unha imaxe de calidade que hai que potenciar”

Cristina Alcalá (I): “Ribeiro ten unha imaxe de calidade que hai que potenciar”

Cristina Alcalá é a nova xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, conta cunha longa traxectoria no sector vitivinícola en eidos como a comunicación ou o marketing. Falamos con ela para que nos conte os seus plans para o Ribeiro e os seus viticultores.

Con que ánimos e expectativas encara esta nova responsabilidade?

Feliz e ilusionada por afrontar este gran reto na miña terra galega e con moita forza para sacar adiante esta nova etapa do Consello Regulador da D.O. Ribeiro. Como xa sabedes, é a máis antiga de Galicia, e iso faime sentir, se cabe, máis responsable aínda. As expectativas son optimistas; creo que Ribeiro vive un bo momento, está cada vez mellor situada como imaxe de calidade e iso non só hai que mantelo senón potencialo.

Que cre que tivo en conta o pleno do Consello para escollela a vostede como a candidata máis acaída?

Supoño que o meu perfil e experiencia profesional é o que mellor encaixaba coas súas expectativas de futuro de entre todos os candidatos que se presentaron. Pero non tiven nin tempo de preguntarllo, je.

Creo que a miña experiencia e coñecemento do sector a nivel nacional e internacional é unha fortaleza, así como a visión global e estratéxica a longo prazo

Nada en Vigo, con moito traballo as costas en Madrid ou California… O retorno a Galicia é especial?

Máis que especial. É un reencontro coa terra, a cultura galega, amigos, recordos de adolescencia… cunha mirada máis madura e global. E tamén especial por volver a Ourense, a cidade onde non nacín pero si me criei.

Tirando do clásica análise DAFO, e sabendo que aínda acaba de chegar á denominación, cales son as debilidades e ameazas, fortalezas que lle ve ao viño e ao sector en xeral no Ribeiro?

O valor engadido de Ribeiro é a súa mellor fortaleza: variedades autóctonas, singuralidade dos viños brancos (e tintos tamén), forte vinculación territorio-viño-paisaxe, a evocación instantánea da imaxe de marca Ribeiro con viño galego, un produto apreciado polo consumidor, rexión con gran potencial turístico… Pero tamén ten debilidades, como todas as rexións. No caso da comarca do Ribeiro a alta parcelación do terrotorio, envellecemento da poboación rural e unha profesionalización do sector produtivo mellorable son puntos nos que hai que traballar a medio-longo prazo. E un limitado orzamento, tamén.

E as súas fortalezas e oportunidades?

Creo que a miña experiencia e coñecemento do sector a nivel nacional e internacional é unha fortaleza, así como a visión global e estratéxica a longo prazo. Sen dúbida, unha oportunidade é poder traballar nunha denominación de orixe cunha rica historia que a precede e con outra moita por contar. Ademais, creo que Ribeiro está a vivir un bo momento, os adegueiros teñen unha actitude positiva e cada vez están máis concienciados para desenvolverse en baixo a marca de calidade Ribeiro.

Pode ler a segundaa parte da entrevista aquí.

Comparte...