Domingo González, “á fin empézase a valorar o noso traballo, aínda que non somos tan mediáticos como os chefs”

Domingo González, “á fin empézase a valorar o noso traballo, aínda que non somos tan mediáticos como os chefs”

Entrevistamos ó barman galego finalista de Putting Pen to Shaker en España

Domingo González aparecía nos medios hai poucos días por conseguir posicionarse como un dos mellores barmen do noso país no concurso de coctelería e literatura Putting Pen to Shaker, cun cóctel inspirado no libro Memorias de África. A hostalaría galega loita por renovarse e innovar, e nos últimos anos vimos como os profesionais dos combinados tamén lograron chegar a postos importantes en certames nacionais e internacionais. Domingo é un deles. Dende o seu local en Viveiro, Temple Bar, e aproveitando todas as oportunidades que tivo, traballa duro para dar o peso e o recoñecemento que corresponden á súa profesión.

Tes unha dilatada experiencia no mundo da coctelería, que destacarías na túa carreira? que te levou a conseguir estar entre os mellores de España?

Tiven a oportunidade de traballar cos mellores barmen de España e de Europa. Estiven en Mix and Shake (Valladolid) e Fibar 2013 e 2014. En Madrid 2014 Mix and Shake e en Berlín (Alemaña) en Bar Convent. Son tres dos eventos máis importantes do mundo (están entre os 10 primeiros). Fun finalista do Universal Awards 2011,(Campeonato Galego de Gin-Tonic) e fun relator dunha masterclass no “Gin Show 2014” de Coruña.

Inspirácheste en Memorias de África para elaborar o teu cóctel, que ingredientes usaches? cres que unha combinación tan exótica e suxestiva foi a clave para conseguir a túa cualificación en Putting Pen to Shaker?

Utilicei gin London Dry e ron Virgin Gorda e macereino con vainilla e café natural, inspirándome nos cafeais de África, e na sequidade da sabana. Tamén utilicei un xarope de lichy, puré de froita da paixón con zume de arando e clara de ovo. Creo que esta combinación tan exótica puido ser clave para o concurso. A mestura do exótico co café tamén a fai moi diferente a todo e a presentación creo que tamén axudou.

Es xerente e camareiro do bar Temple en Viveiro, como describirías o teu negocio? Que tipo de cóctels e combinados ofrecedes ao voso público? Cal é voso cóctel estrela?

O noso negocio describiríao como un espazo moi especial onde encontramos a forma de ser un pouco camaleóns, e adaptarnos e mesmo nos anticipar…. ás novas tendencias. Ofrecemos todo tipo de combinados, dende coctelería clásica (Dry martini, Cosmopolitan, etc…) ata coctelería evolutiva. O cóctel máis vendido é o Mojito, sen dúbida, pero tamén servimos moitos Daikiris e Piñas coadas xunto con “Sex on the beach”.

Como ves o presente e o futuro da coctelería en Galicia? Cres que a hostalaría galega presta suficiente atención?

A coctelería está vivindo un momento moi doce e sempre crecemento, basta con ver os premios que acaparamos os bartenders galegos; creo que á fin se empeza a valorar o noso traballo, aínda que non somos tan mediáticos como os chefs.

Comparte...