Bocadillos ultramarinos na Costa da Morte

Bocadillos ultramarinos na Costa da Morte

Cada vez é maior diversidade da oferta gastronómica e hosteleira que podemos atopar en Galicia, maior pero tamén coidada, que é moi importante. Non só preocupa ofrecer un bo servizo senón tamén facelo nun entorno agradable e buscando ofrecer un plus engadido que faga diferente o teu local ben sexa ofrecendo lectura como o bibliocafé de La Habitación de la Niña Caracol en Ourense ou ben comercializando a materia prima que tamén traballan no restaurante, como o Benboa, en Corrubedo. O seu forte pode ser o lugar no que se sitúa, como o restaurante do Mirador de San Pedro en A Coruña ou A Estación de Cambre, ou o xardín no que disfrutar dun cóctel como na Porta da Pía en Ourense ou dun petisco aos pés da Catedral como na Horta D’Obradoiro en Compostela.

Por iso alegra ver como xurden novos establecementos cun concepto pensado e cunha aposta polo lugar no que se sitúan. Incluso para un restaurante orientado aos bocadillos como pode ser Etel&Pan, en Fisterra, onde baixo o concepto de “bocadillos e galería ultramarina”, coidan dos detalles en cada elaboración partindo de excelente materia prima: bo pan elaborado en Fisterra, carnes de raza limiá e conservas de primeir, produtos frescos locais de proximidade, sen esquecer outros produtos galegos que ofrecen na súa tenda gastronómica, na que tamén hai a posibilidad de contratar catering.

Luz, paisaxe e produtos galegos de primeira

A estes piares de traballo úneselle unha esmerada decoración no establecemento, situado nunha antiga casa mariñeira da rúa Real de Fisterra, no que os seus responsables, Etel e Palmira, contan cunha galería de pezas singulares vinculadas principalmente ó mar e realizadas por artesáns galegos. Ningún dos dous estivera vencellado antes á hostelería, xa que ambos son profesionais polivalentes adicados á fotografía e ó traballo social, pero veñen de por en marcha un proxecto con todo o sentido do mundo ancorado ás paisaxes da Costa da Morte buscando ofrecer o que eles mesmos gozaban: o sol, a paisaxe e os mellores produtos galegos.

Todos estes elementos unidos polos cantiles da Costa da Morte, que eles recomendan disfrutar levando unha das cestas de picnic que preparan por encargo para comer ao aire libre, xa que así é como naceu Etel&Pan, unha idea á que se uniu a defensa do comercio local para dárlle forma a unha idea de negocio que nesta curta andaina xa “tivo unha boa acollida entre os milleiros de turistas que visitan Fisterra e a súa contorna”, explican os seus promotores. E non é pouco éxito se temos en conta que en tres meses conseguiron situar este establecemento entre os 20 primeiros restaurantes galegos clasificados no Tripadvisor, que aglutina case cinco mil locais valorados. Ademais, esta pequena tenda gastronómica está situadano primeiro posto dos restaurantes delicatessen galegos desta mesama plataforma on line, con moi bos comentarios recollidos nas súas redes sociais.

Comparte...