Festa do Melindre: “a receita ten preto de 200 anos”

Festa do Melindre: “a receita ten preto de 200 anos”

Entrevistamos Alberto Rodríguez de la Pastelería Estilo e presidente da Asociación de Repostaría Tradicional “Melide, Terra Doce”.

A poucos días do comezo da Festa do Melindre, que se celebrará o 10 de maio, falamos cun dos maiores expertos neste doce típico da nostra gastronomía. Alberto Rodríguez, da Pastelaría Estilo, é presidente da Asociación de Repostaría Tradicional “Melide, Terra Doce”.

BB A festa do Melindre homenaxea ás xeito tradicional de facer repostaría. De que época data a fabricación de melindres?
AR No caso de Pastelaría Estilo a receita ten aproximadamente 200 anos, unhas 4 xeracións. A forma de facer as cousas, a elaboración, non é de pastelaría, é máis de obradoiro. Tanto os melindres como os ricos e os amendoados se facían nas casas o día da festa grande ou, por exemplo, o día da matanza. Preparábase para poñer na mesa e ofrecer a toda a familia. Era algo moi normal xa que todas as casas tiñan un forno preto. Iso deixou de facerse e decidimos recuperar esa tradición, respectando os ingredientes que usaban os nosos avós.

BB Ten “fórmula secreta” o melindre para que só 4 pastelarías en todo o mundo os elaboren de forma tradicional? Existe un “libro de estilo” para facer un bo melindre?
AR Na asociación hai 4 casas: Obradoiro Trisquel, Casa Milchora, Panadaría Tahona e Pastalería Estilo. Todas traballamos de forma moi similar tanto en técnica coma na elaboración, ao 90%. A diferenza son toques persoais en graseado, por exemplo, pero moi sutís.

BB Cal é o mellor acompañante para maridar un melindre?
AR Eu estou totalmente de acordo con Cunqueiro, a mellor combinación é un viño tostado. A sumiller Mercedes González (Mercedes Embaixadora) ensinoumo e a verdade é que coincido. Fixemos catas arriscadas con escumosos, por exemplo, e outro dos maridaxes que me encantou é de amendoados cun godello.

BB En que época se consumen máis os melindres? ou son atemporais?
AR Melide é un pobo vacacional e por iso a época de máis vendas é de maio a setembro, aínda que é un produto que se consume todo o ano. O Camiño de Santiago e os turistas lévanse melindres para probar ou de regalo.
Nesta época de crise a resposta da xente foi fantástica e mesmo aumentamos vendas e visitantes. Notamos un aumento tamén na compra de amendoados e ricos. Sobre todo as persoas que proban os ricos, repiten.

BB Como hai que comer un melindre para que non se desfaga?
AR  Comelo en dúas ou tres dentadas e xa se desfai na boca. O truco é pedir outro rápido.

Comparte...