Godeval Cepas Vellas 2013, único viño galego entre os mellores do mundo

Godeval Cepas Vellas 2013, único viño galego entre os mellores do mundo

Con 92 puntos, o Godeval Cepas Vellas 2013 sitúase no posto 36 da lista dos 100 mellores viños do mundo da revista Wine Spectator

O viño Cepas Vellas da adega valdeorresa Godeval conseguiu situarse na lista dos 100 mellores viños do mundo elaborada pola revista americana Wine Spectator. No posto 36 situouse o Viña Godeval Cepas Vellas do 2013 con 92 puntos. Así, converteuse no único viño branco galego (D.O. Valdeorras) da clasificación.

Na lista dos mellores viños do mundo deste ano hai 11 viños españois e entre eles, só un galego: o Viña Godeval Cepas Vellas 2013, no posto 36.

Wine Spectator describiu a marca de godello Cepas Vellas como “un atractivo branco que entrega unha ampla gama de sabores cunha suave textura, un branco fresco, cunha acidez ben integrada que mantén o centro de atención. Melón, coco, sabores afumados e especiados mestúranse harmoniosamente nun suave e luxoso padal. Os elementos minerais son frescos e persistentes. Godello. Beber agora e ata o 2018”.

A publicación da lista desta publicación americana realízase desde o ano 1998 e ano tras ano foi crecendo en popularidade. Na primeira edición catáronse 3.000 viños e a maioría procedían de Italia, Francia e Estados Unidos. Co paso dos anos fóronse ampliando fronteiras e este ano informan que se cataron algo máis de 18.000 viños procedentes de 63 rexións vinícolas. Do traballo realizado por 9 expertos saíu o Top 100.

Comparte...