Jesús Quintá (IXP Castaña de Galicia): “Están a facerse novas plantacións con criterios profesionalizados”

Jesús Quintá (IXP Castaña de Galicia): “Están a facerse novas plantacións con criterios profesionalizados”

O presidente da IGP Castaña de Galicia apúntanos algúns dos retos e oportunidades que ten o sector da castaña e que papel pode xogar como produto gastronómico de calidade

Galicia ten unha riqueza nos montes que pasa bastante desapercibida, a castaña. Agora que chega o tempo de Santos botamos a vista aos nosos soutos, pero a castaña non so é para tomar crúa ou asada… Ademais, a castaña é unha oportunidade para o desenvolvemento do noso medio rural.

A Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia traballa dende o 2009 para pola en vigor. O presidente do seu Consello Regulador é Jesús Quintá.

Cales son os principais problemas aos que se enfronta o sector da castaña en Galicia?

O despoboamento e envellecemento da poboación das zonas produtoras de castaña co conseguinte abandono dos soutos que fan que a materia prima diminúa e perda calidade, a mixtura de variedades , o minifundio existente e a falla de producións profesionais e homoxéneas e con variedades de alto valor económico, unido ás enfermidades e pragas como o cancro, a tinta e a avespa fan que o sector estea a demandar apoios en formación, información e  intervencións directas  tanto dos axentes implicados  como da Administración.

Ter máis de 80 variedades é un hándicap para a explotación comercial ou transformación?

Ter máis de 80 variedades autóctonas é un beneficio se o consideramos desde o punto de vista da diversidade varietal e adaptabilidade ás distintas áreas xeográficas, pero convértese nun hándicap se non somos capaces de separalas en lotes homoxéneos para a súa comercialización; posto que a industria necesita que o pelado sexa fácil e, para a elaboración, que o produto teña as mesmas características de textura, dureza, tamaño, etc.

E con que oportunidades conta?

As oportunidades son moitas pero destacarei que estamos a falar de Galicia que representa máis do 50% da produción de España, onde se asenta a case totalidade da industria de transformación do Estado e que hoxe temos a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia como elemento de diferenciación e de protección do sector. A IXP non se deu a Galicia porque si, senón en recoñecemento a unha historia e unha calidade recoñecida nos mercados nacionais e internacionais, por algo é a única marca de calidade en castañas recoñecida pola UE en España.

Aumenta a explotación dos castiñeiros en Galicia ou segue a ser unha riqueza moi desaproveitada?

Nestes últimos anos estamos a recuperar áreas que foran abandonadas como consecuencia do envellecemento e despoboamento do rural galego, fundamentalmente nas zonas de montaña interior que é onde se asentan as principais masas de castiñeiro. Tamén estamos a detectar maior interese dos particulares por poñer a producir  terras abandonadas, deste xeito están a facerse novas plantacións con criterios profesionalizados e que dentro de pouco estarán dando producións de importancia.

Meténdonos no eido gastronómico. Ven os nosos cociñeiros as capacidades que ten a castaña como centro ou complemento de pratos?

Por suposto que si, de feito estamos a ter un incremento progresivo de solicitudes  de colaboración con Hostalería e Restauración en toda España. Isto para nós representa unha gran satisfacción posto que ata hai pouco o consumo de castaña era algo anecdótico, excepto na época de produción. Hoxe xa saben que se pode consumir a castaña en calquera das épocas do ano.

Somos demasiado proclives a preparala asada e cocida, marxinando outros xeitos de preparar a castaña?

A nivel de consumo familiar é posible que o seu uso sexa un pouco reducido a asar e cocer a castaña, pero se falamos dos restauradores estamos observando que cada vez se fan máis diversidade de presentacións, entrantes, sobremesas, con carne, peixes, froitos… Temos que continuar a facer presentacións desde a IXP cos cociñeiros, animar ás amas de casa a que cociñen, tanto en doce como en salgado, pratos con castaña, sorprenderanse gratamente.

Vostede ten apuntado que a rendibilidade da produción de castaña é das máis altas no sector primario. En que se basea? Pode indicarnos algunha cifra ao respecto?

Baséanse nas cifras que manexan produtores con plantacións ben dimensionadas ás que dedícanlle certa observación e coidados. Cando estas plantacións están en plena produción estamos a falar  de rendementos netos superiores a 6.000 €/hectárea/ano, co engadido do tempo libre que lle deixa ao produtor.

Póndose na pel dalgún posible emprendedor… Por onde debe comezar? Canto tempo custa pór en marcha unha explotación e cantas hectáreas precisa para poder comezar rendible?  Con que axudas pode contar?

Primeiro debe facer unha boa planificación e obter planta de calidade adaptada a súa zona xeográfica. O terreo debe ser axeitado para a planta e debemos dedicarlle uns coidados mínimos. Non ten moito máis, pense que Galicia é terra de castiñeiros, non estamos a falar de introducir especies foráneas. Non hai unha superficie mínima para que comece a ser rendible posto que a rendibilidade da inversión está asegurada desde superficies baixas, outra cousa é se pensamos ter unha produción como actividade principal de obtención da renda familiar ou como complementaria da mesma. Como antes comentei se obtemos un rendemento de, como mínimo, 6.000€/ha/ano cada un pode facer as contas para acadar obxectivos máis ou menos ambiciosos.

En que liñas se traballa dende o Consello Regulador?

Ademais de xestionar os rexistros, garantir a trazabilidade a través da certificación por parte do INGACAL e promocionar o produto, que son as funcións básicas do CR, estamos a colaborar en proxectos e estudos que teñan como obxectivos a mellora da planta, a caracterización varietal, a selección de polinizadores e as axudas para melloras do sector.

En Galicia temos empresas asentadas, como Alibós que vostede preside. Como ve o sector transformador?

O sector transformador é o máis importante do Estado e dos principais de Europa, pero enfrontase a unha carencia de materia prima que ten que suplir coa importación doutras zonas de España ou incluso do estranxeiro. Tamén debemos facer un esforzo para trasladar ao produtor os nosos criterios de calidade de produto, ademais da calidade organoléptica, como son a facilidade de pelado, baixo tabicado, lotes homoxéneos… todo isto repercutirá en beneficio de todos.

Por outro lado, o baixo consumo de produto transformado na nosa Comunidade e no resto de España é un problema para o sector,  xa que perdeuse o habito de comer castaña acompañando aos nosos pratos boa parte do ano, dependendo cada vez máis da exportación.

Comparte...