Loestamospescando.com, directo á casa dende A Costa da Morte

Loestamospescando.com, directo á casa dende A Costa da Morte

Loestamospescando.com é unha proposta que vende, a través dunha tenda online, pescados e mariscos da Costa da Morte; e é unha das iniciativas galegas que estará no Fórum Girona 13. Trátase dunha iniciativa xurdida do Gac3, Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte que agrupa a distintas confrarías; para coñecela un pouco mellor, entrevistamos a Antonio Devesa Bouzas.

En que consiste exactamente loestamospescando.com?

Lo estamos pescando é unha iniciativa que parte do sector pesqueiro do GAC3 – Costa da Morte do que forman parte as confrarías de Caión, Malpica, Corme, Laxe, Camelle, Camariñas, Muxía e a Agrupación de Mariscadoras do Río Anllóns. Trátase da primeira iniciativa deste tipo que se pon en marcha neste territorio, e consiste na venda directa dos produtos que se pescan na Costa da Morte, dende o pescador ao consumidor final, pero sempre a través dunha poxa pública realizada na lonxa de cada porto.

Como e cando naceu?

O equipo técnico do GAC3 e os responsables do sector empezaron a traballar neste proxecto a mediados do ano 2.011, sendo a principios do 2.012 cando se empezaron a realizar as primeiras vendas, que continuaron ao longo de todo o ano.

Como funciona o proceso dende que unha persoa realiza o pedido, por vía telefónica ou correo electrónico?

É moi doado, dende que se realiza o pedido o comercial responsable de xestionalo comproba as posibilidades de pesca do produto solicitado para ese día, xa que se trata dun peixe que non se encontra almacenado, senón que aínda se esta pescando, de aí o nome do proxecto; a continuación informa o cliente asesorándolle sobre todo o relacionado coa súa compra, existencia do produto, prezo deste, previsión para os próximos días, etc. Todo para que o cliente realice a súa compra do mellor xeito posible.

Canto tardan e como se realizan os pedidos?

Os pedidos dependen da existencia do produto e do prezo que poida alcanzar na poxa pública, xa que a compra se realiza nesta para evitar unha competencia desleal co resto de comercializadores. Unha vez que se realiza a compra o produto envíase mediante un servizo urxente de frío, chegando ao consumidor final ao día seguinte antes das dúas da tarde.

Que esperades do Fórum Girona 13?

Sobre todo darnos a coñecer, traballamos moi duro en todos os aspectos deste proxecto, pero onde máis camiño nos queda por percorrer é na difusión deste, por iso esta é unha grande oportunidade para empezar a facelo.

Que valoración facedes ata agora da vosa traxectoria?

De momento é moi boa, xa que serviu para demostrarlle ao sector que se pode levar a cabo unha iniciativa deste tipo porque sempre se falou que sería moi boa para mellorarmos a comercialización dos produtos pesqueiros, pero ata o día de hoxe nunca se convertera nunha realidade.

Cales foron os vosos maiores problemas?

Concienciar ao sector de que a calidade dos produtos que se pescan o zona da Costa dá Morte eran a mellor garantía para saír adiante neste tipo de proxectos.

E… cales son os vosos plans de futuro?

Seguir crecendo para consolidarmos esta iniciativa e que co paso do tempo deixe de ser un proxecto e se converta nunha realidade que se manteña no tempo.

Comparte...