Manuel García Montero recibe o premio “Vida entre Vides” da Denominación de Orixe Ribeiro

Manuel García Montero recibe o premio “Vida entre Vides” da Denominación de Orixe Ribeiro

O presidente de honra da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira recibirá o recoñecemento a toda unha vida dedicada ao Ribeiro na Gala dos Premios do Ribeiro que se celebrará o próximo 26 de xuño no Mosteiro de San Clodio

Pouco a pouco vanse coñecendo o nome dos persoeiros que recibirán algún dos recoñementos que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro otorga na súa gala anual. No caso do Premio “Vida entre Vides”, o Ribeiro decidiu que esta edición o premio recaese no presidente de honra da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira, Manuel García Montero, que recibirá unha homenaxe na Gala de Premios que se celebrará o vindeiro martes, 26 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro).

Manuel García Montero (Cenlle, 1937) estivo vinculado durante toda a súa vida á comarca do Ribeiro, combinando o traballo familiar nas viñas coa súa profesión de mestre e de alcalde de Cenlle (1969-2011). Da man de Eulogio Gómez Franqueira, foi un dos promotores activos da fundación da Cooperativa Virxe do Cristal de Ribadavia e socio fundador, en representación da súa familia, da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro, entidade que nace como produto da fusión da Cooperativa San Pedro de Leiro e a Cooperativa Virxe do Cristal de Ribadavia.

Durante estes anos Antonio García Montero formará parte activa dun momento decisivo de reconversión da viticultura deste territorio, centrados en recuperar variedades históricas e autóctonas como a Loureira, Godello, Albariño e Treixadura así como pola introdución da tecnoloxía no traballo da viña e da adega. “A chegada das cooperativas supuxo un cambio fundamental non só pola reconversión do viñedo se non pola creación de viñas comunitarias e pola ampliación da comercialización nacional e internacional, apostando pola venda de viño embotellado en detrimento do granel”, explica García Montero, quen ocupou o cargo de presidente da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira durante máis de vinte anos e desde 2015 ostenta a súa presidencia de honra.

Comparte...