Mari Mandiles

Mari Mandiles. Na cociña, vestidos con estilo

Xa non hai que renunciar a vestir con estilo á hora de cociñar, se queres un mandil personalizado ou a túa aspiración é combinar axeitadamente o mandil cos teus mellores zapatos… Mari Mandiles pode ser a túa solución.

Mari Mandiles – made by two sisters ofrécenos, dende Vigo, texil de cociña de deseño ou personalizado que se distribúe a través da súa tenda en Internet.

As irmás Marta e Ángeles Valcarce son os seus responsables; Marta “Travi” achegounos un pouco máis a súa iniciativa.

En que consiste a vosa proposta?

Somos irmás: unha é a costureira e deseñadora, e a outra a encargada das redes e xestión da tenda. Teño dende hai uns anos unha web gastronómica. Decateime de que aos que nos gusta a cociña cada vez nos interesa máis ter certos accesorios na nosa cociña que sexan personalizados, que teñan unha chiscadela de diferenciación con respecto aos que se poden adquirir nas tendas convencionais. Así que dándolle voltas á idea coa miña irmá, que ten bastante boa man para iso da costura, decidímonos a probar e crear algúns deseños de mandís que, ademais de orixinais e artesanais, fosen alcanzables. E velaí naceu este pequeno proxecto.

Só se pode comprar por internet ou tamén tedes tenda física?

Polo momento só temos a tenda en Internet. Trátase dun proxecto artesanal, co que empezamos con poucos modelos para ver como reacciona a xente á idea. Todos son personalizables e fanse baixo pedido, co que a través da nosa dirección de mail ou na nosa páxina de Facebook, a xente pode facernos as súas peticións persoais se así o quer.

E quen sabe… se o proxecto ten aceptación, quizais montemos o noso propio atelier en Vigo…

Como e cando vos chegou a idea? Que tal está a ir?

A idea é moi, moi recente. Tras este mundo de tensións e incertezas no que estamos inmersos, vimos o proxecto como unha vía de escape a todo iso. Non hai nada como encontrar un hobby interesante que che alonxe das problemáticas. O lanzamento foi moi recente, pero non hai queixa. Xa nos fixeron os nosos primeiros pedidos e estamos en contacto con persoas que mostraron interese por algúns dos nosos modelos.

E é que… non todo van ser os mandilones de cadros de toda a vida, que tamén son bos.

Comparte...