PEDRO SÁNCHEZ JIMÉNEZ, DE MERMELADAS SOLAL: “É FUNDAMENTAL A CALIDADE DO PRODUTO, PERO TAMÉN A SÚA PRESENTACIÓN CUN PACKAGING DE DESEÑO INNOVADOR”

PEDRO SÁNCHEZ JIMÉNEZ, DE MERMELADAS SOLAL: “É FUNDAMENTAL A CALIDADE DO PRODUTO, PERO TAMÉN A SÚA PRESENTACIÓN CUN PACKAGING DE DESEÑO INNOVADOR”

Betanzos é a sede dende que Solal prepara as súas marmeladas e confeituras. Unha nova aposta pola calidade á hora de lanzaren unha nova marca e produtos gastronómicos galegos, cunha especial atención a aspectos do marketing gastronómico coma o packaging. Falamos con Pedro Sánchez Jiménez, o seu responsable.

Cal foi o camiño de Solal ata agora?

Foi un camiño longo, de internarse no mundo gastronómico, de investigar métodos e formas para crear marmeladas que fusionan innovadoras texturas e sabores, de plasmar nunha realidade en 2011 este proxecto, co que obtivemos o Premio Prix Gourmet Marie Claire como un dos dez mellores produtos gastronómicos do ano 2013.

Cantos sabores diferentes tedes no voso catálogo? Varían ao longo do tempo e dependendo da aceptación do mercado

En Solal elaboramos unha ampla gama de máis de 20 marmeladas e confeituras gourmet con innovadora fusión de sabores e texturas. Inconfundibles e sorprendentes. Son un produto único para os máis exquisitos padais; unha forma orixinal e diferente de comer froita; sa e saudable.

Canto de manual hai no traballo no taller no que as preparades?

Levamos a cabo un coidado e minucioso proceso de elaboración no obradoiro artesanal, situado en Betanzos. Realizamos a xelificación natural con pectina extraída do corazón e a pel de mazá e limón. Deliciosas labras de pel confeitada nos sabores que conteñen cítricos.

De onde procede a froita coa que elaborades o voso produto? Hai froita galega? Sodes “escravos” das tempadas para elaboralas?

Para a elaboración das nosas confeituras e marmeladas seleccionamos unicamente a mellor froita fresca de tempada, se é posible, autóctona. Se é necesario, doutras comunidades, pero sempre baixo o denominador común da súa alta calidade.

Na vosa web é posible adquirir as vosas marmeladas… é unha canle efectiva ou segue sendo maioritaria a tenda tradicional?

A tenda online é unha canle efectiva, a través da que chegamos a clientes de toda a xeografía española. Esta canle compaxinámola cunha presenza cada vez maior en puntos de venda convencionais, tendas especializadas de Galicia e do resto de España. Os espazos gourmet de El Corte Inglés en Galicia tamén ofrecen as nosas marmeladas aos seus clientes. Parécenos moi importante compatibilizar ambas fórmulas de venda. Así mesmo, exportamos a Alemaña e mantemos contactos comerciais para iniciar a venda en Francia, Suíza, Brasil e China.

Coidades moito os vosos envases. Dá froitos nas encargas ese coidado?

Por suposto. É fundamental a calidade do produto, pero tamén a súa presentación cun packaging de deseño innovador. A nosa imaxe é limpa, sobria e natural, como o noso proceso de elaboración artesanal.

A etiquetaxe con cores baseadas na gama pantone (unha cor, un sabor) é moi visible e atractiva para os lineais nos puntos de venda.

Se queredes engadir algún matiz ou apuntar algo…

A variedade e orixinal combinación de sabores abre un amplo abano de posibilidades para maridar con pratos de diversas gastronomías. No almorzo, co aperitivo, acompañando a unha salsa, de sobremesa, enriquecendo a merenda…. A nosa carta de sabores é equilibrada, sorprendente e versátil.

Algúns dos nosos sabores: framboesas e amoras; cereixa e albaricoque; pera e figo; amorodo e campari; amorodo e cava; amorodo e albaricoque; amorodo; mazá, limón e canela; melón, piña e vainilla; melón e kiwi; pera e kiwi; piña e limón; piña e pomelo; laranxa e cenoria; laranxa, mazá e canela…

Comparte...