Foto: Dani Gabieiro

FLAVIO MORGANTI HOMENAXEA A OURENSE CON POLBO E OURO

A idea naceu este verán cando me convidaron á celebración do cincuenta aniversario da feira do polbo de Carballiño”, dinos Flavio Morganti respecto da súa última creación, un prato de polbo denominado Pulpourensis.

Flavio fala da relación que no Carballiño se estableceu na súa cabeza entre vodas de ouro, ouro e Ourense. “Tamén me veu á cabeza esa afirmación popular de que o polbo non se pode tomar con auga” di.

Desa maneira naceu a idea de cociñar o polbo en viño tinto e non en auga. “Como quería que o prato fose unha homenaxe a Ourense e os seus produtos, decidín que o cocería nunha mestura de viños tintos do catro denominacións de orixe da provincia”.

O prato complétase con Aouris, un aderezo a base de aceite de oliva que a empresa ourensá Aceites Abril está a piques de pór no mercado. Un aderezo que no prato toma o aspecto de ouro líquido que contrasta coa cor morada do polbo.

Ademais reducimos o viño da cocción do polbo e engadímolo como salsa, de maneira que lle achegamos un lixeiro amargor moi agradable”, asegura Morganti, quen insiste en que o prato é unha homenaxe á provincia de Ourense, aos seus produtos e, de maneira moi especial, ás pulpeiras do Carballiño, as grandes mestras do polbo á feira.

Comparte...