Daniel Pulzoni e Jorge Carou, profesores de Gastronomía Pedagóxica

Daniel Pulzoni e Jorge Carou, profesores de Gastronomía Pedagóxica

A Universidade de Santiago organiza unhas aulas activas de cociña que queren ensinar a cociñar a membros e non membros da comunidade universitaria, ao tempo que se achega unha cultura de hábitos de consumo saudables e se aumenta o coñecemento do medio e dos produtos. Son as aulas de Gastronomía Pedagóxica. Un programa análogo xa se desenvolve no Instituto Rosalía de Castro.

Jorge Carou e Daniel Pulzoni son os profesores desta iniciativa que quere estenderse a outras institucións e colectivos, e nos contestan a algunhas preguntas sobre as sesións. Ambos son cociñeiros profesionais de ampla experiencia e docentes no CIPF Carlos Oroza (Pontevedra) e no CIFP Compostela (Lamas de Abade, Santiago ), respectivamente. 

Que aprenderán a cociñar os alumnos?

Pulzoni: Aprenderán cousas básicas de cociña, como o manexo do coitelo, a identificación das materias primas ou os diferentes métodos de cociñado aplicados a estas materias primas.

Carou: Serán produtos moi variados e, sobre todo, técnicas de cociñado que lles permitan desenvolverse por si mesmos dentro dunha cociña.

Como se desenvolven as aulas?

Pulzoni: Pártese dunha explicación por parte do docente e logo os alumnos executan, o problema é que hai materias primas que non poden utilizar todos os alumnos. Unha vez explicada a actividade repartimos o traballo para facer, isto significa achegar todo o necesario para realizar a tarefa. Logo executamos o prato de forma demostrativa e, unha vez rematado, o mellor é probalo. O primeiro día cociñaremos un salteado de verduras.

Carou: Responderemos a todas aquelas inquedanzas referentes á cociña que estén ao noso alcance e, por suposto, as clases serán dinámicas e participativas,van a cociñar dende o primeiro día.

Nas aulas xuntanse persoas con distinta pericia e experiencia nos fogóns. Supón algún impedimento?

Carou: Para nada é un impedimento, a experiencia dinos que todo o mundo aprende, independentemente da idade, e logo todos acaban mellorando en función da destreza que mostren, posto que non todos comezan cos mesmos coñecementos.

Pulzoni: Sempre hai algo que aprender e nós, os docentes, tamén aprendemos dos alumnos. Está claro que a xente avanza pero se o grupo ten unha actitude positiva e gañas de aprender avánzase moito máis.

Ademais de aprender a cociñar, os asistentes poden aprender a aforrar coa compra, non si?

Carou: Por suposto. Manexamos produtos, que a maioría, están ao alcance de todos os consumidores e daranse pequenas pautas para poder aforrar na compra co xeito de cociñalos.

Pulzoni: Adoitamos fomentar moito o recicling e tamén ensinamos como comprar e como rendabilizar moito o produto.

De que xeito se incide en hábitos de compra saludables?

Carou: Máis que en hábitos de compra, no hábito de consumo. Penso que todos os tipos de alimentos son necesarios e compatibles ao mesmo tempo e que se deberían reconducir eses hábitos dende a casa e a idades temperás.

Pulzoni: Digamos que xa vai dentro de cada un. Nós o que facemos é dar unha serie de pautas saudables e despois eles toman decisións. De todas formas, cando a xente ve a metodoloxía  dase conta de que comer ben, san e rico, non é ir o súper e gastar ou comprar o mellor material.

E no uso de alimentos de proximidade?

Carou: O mellor produto sempre é o que tes ó alcance, do que se trata é de valoralo como se merece, pero non sempre é así.

Pulzoni. En principio traballarase co produto de tempada e se pode ser de cerca, mellor.

Seguen sendo máis as alumnas cos alumnos neste tipo de aulas?

Carou: Non, cada vez son máis homes os que se inician neste tipo de cursos, e moitos deles xa experimentan nas súas casas.

Pulzoni: No noso centro normalmente está equilibrado,  aquí, na USC, descoñézoo.

Pola vosa experiencia… que tal se enfrontan á cociña os mozos?

Carou: Non podemos catalogar un cociñeiro pola súa idade, aínda que a experiencia sempre axuda, claro está, pero cada vez son máis e mellores.  Esperemos que estes cursos sexan do agrado dos participantes, e que servan para enganchalos ao mundo da gastronomía.

Pulzoni: Ben, mira, todo radica nas gañas. Eu cando empecei tiña 14 anos e os meus compañeiros 14, 15, 16 e maiores. Actualmente adícamonos a isto a gran maioría.

As Aulas Gastronómicas Pedagóxicas son un programa conceptualizado e organizado desde as empresas Mr. Turismo e Trevisani , que pode implantarse noutras entidades.

Comparte...