O Restaurante España inaugura xornada de arroces valencianos

O Restaurante España inaugura xornada de arroces valencianos

Cita gastronómica co arroz en Lugo, no restaurante de Héctor López

Por Patricia Fernández García

Dúas semanas é o que durará esta xornada de arroces valencianos no Restaurante España (R/ Teatro, 10, Lugo). Precedida polo éxito de xornadas anteriores e acompañados polos coñecementos do chef valenciano Javier de Deus (Catering Torrefiel, Valencia), que acompañará ao equipo do restaurante durante todos estes días. Esta iniciativa gastronómica responde a unha reciprocidade de información baseada en aplicar as técnicas levantinas aos produtos de tempada galegos. Os arroces variarán segundo os produtos dispoñibles cada día no mercado. Algunhas das variedades que poderemos atopar nesa carta especial serán: a clásica Paella Valenciana; a Paella de segredo ibérico, cogomelos e alcachofas; a Paella do Señoret, outra proposta tradicional; a Paella de verduras ecolóxicas, que variará tamén a súa composición dependendo dos produtos dispoñibles na horta nese día; a Paella negra de chocos; o Arroz meloso de nécoras, rape, ameixas e gambas; Arroz meloso de costela de Ibérico, polbo e alcachofas; ou o Arroz meloso de salmonete, cabaza e fabiñas.

Ademais de toda esta variedade de arroces tamén haberá unha variedade de fideos, neste caso os Fideos rossejat de marisco.

De todas as propostas destaca a elaboración totalmente tradicional, cada arroz e cada paella tarda en facerse arredor dunha hora, o que dá como resultado unha grande potencia no sabor de todas elas.

Sen dúbida é un plan moi apetecible para este mes de setembro.

Comparte...