Receita de Galo de Mos a Carbonada de Rocío Garrido

Receita de Galo de Mos a Carbonada de Rocío Garrido

Receita do Galo de Mos á Carbonada facilitada por Rocío Garrido, responsable de A Cociña do meu avó e autora de Cociñando coas razas autóctonas.

Ingredientes:

  • 1  galo de Mos.
  • 12 patacas medianas
  • 3 cebolas grandes vermellas
  • 2 cervexas negra
  • sal
  • aceite de oliva
  • 2 vasos de auga
  • opcional: 1 culler de maicena.

Preparación:

Cortar en anacos o galo de Mos e botar por riba un pouco de sal.

Nunha cazola, botar aceite de oliva e cando estea quente, engadirmos os  anacos de galo para que se doure. Unha vez que xa está dourado, retiramos a un prato e reservamos.

No mesmo aceite botaremos as cebolas vermellas picadas en láminas ou en anacos pequenos. Deixaremos que a cebola se frita ata que empece a coller color e engadiremos a cervexa.

Deixaremos que se evapore o alcohol e engadiremos os anacos de galo que previamente teremos dourados e o prebe que soltou no prato.

Deixar cocer a fogo lento durante uns 40 minutos, se se nos evapora toda a cervexa, engadir os dous vasos de auga. Botaremos as patacas cortadas en anacos á cazola e unha chisca de sal, e deixar cocer uns 15 minutos, ata que estas estean cocidas.

Probar o prebe e rectificar de sal se fose necesario, se nos queda un prebe moi augado engadir unha culler de maicena diluída en auga e deixar ao fogo un par de minutos máis.

Empratamos poñendo os anacos de galo de Mos xunto coas patacas nunha fonte e, por riba, botámoslle o prebe. Servir quente.

Comparte...