Felicísimo Pereira continúa como presidente do CRDO Ribeiro

Felicísimo Pereira continúa como presidente do CRDO Ribeiro

Felicísimo Pereira proseguirá a súa etapa como presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro que comezara en febreiro

Cabe lembrar que Pereira, representante do sector dos colleiteiros, accedera ao cargo despois da dimisión do anterior presidente e actual deputado Miguel Ángel Viso, sendo daquela vicepresidente do pleno. Tralo seu primeiro nomeamento, apuntárase que abandonaría o cargo antes da vendima; pero, a petición dos vogais do Consello, esta etapa no organismo terá unha prórroga.

Un pleno extraordinario no C.R.D.O. Ribeiro foi o marco para unha decisión que se aprobou por unanimidade dos presentes. Este capítulo continuará “ata que se convoquen as próximas eleccións aos consellos reguladores”, segundo o comunicado do organismo.

En palabras de Felicisímo Pereira: “Levo traballando por e para a D.O. Ribeiro como colleiteiro case 20 anos. Se o pleno quere que siga como presidente acéptoo coa responsabilidade e profesionalidade que me outorga o cargo e a confianza que depositan en min”. Asegura que a D.O. atravesa un bo momento e que traballará apostando pola calidade e en consenso entre todos os axentes que integran a denominación de orixe máis antiga de Galicia.

Entre as propostas de Felicisímo Pereira están formalizar unha Comisión Permanente de traballo e apoio á presidencia, así como un grupo de traballo de vendima onde estean representados todos os axentes do sector.

Comparte...