Mexillón de Galicia instalará mañá un food truck en Vilagarcía

Mexillón de Galicia instalará mañá un food truck en Vilagarcía

Mexillón de Galicia instalará mañá, martes 19 de febreiro, un food truck nas inmediacións da praza de abastos de Vilagarcía de Arousa entre as 11:00 e as 12:30 horas no marco dunha campaña promocionar que ten como obxectivos fomentar o consumo do mexillón galego e impulsar hábitos saudables de alimentación utilizando produtos autóctonos.

No food truck, un  grupo de alumnos da Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra realizarán varias elaboracións que ofrecerán gratuitamente a todas as persoas que desexen degustalas. Trátase de  “Paté de Mexillón de Galicia”, “ Mexillón de Galicia con salsa de mostaza”, e “ Mexillón de Galicia con coandro e lima”. Todas elas foron ideadas para consumir de pé polos asistentes.

Con esta iniciativa, que forma parte dun proxecto lectivo que desenvolve o Carlos Oroza denominado ‘ PonteVan: a formación profesional na rúa’, a escola de hostalería volve colaborar con Mexillón de Galicia como xa sucedeu en novembro e decembro de 2018. Entón, os futuros profesionais da hostalería puideron familiarizarse coas calidades deste produto das rías galegas, ademais de descubrir a súa enorme versatilidade.

Comparte...