Aniversario Taste Lab

Taste  Lab: o terceiro aniversario da empresa capaz de sabero que nos gusta

Taste Lab, empresa pioneira en tecnoloxía e análise sensorial, celebrou este venres o seu terceiro aniversario. Esta  spin off da Universidade de Santiago de Compostela presentou a súa nova tecnoloxía, galardoada co Premio Pascual  Start  Up, e aproveitou tamén para inaugurar as súas instalacións lucenses nunha xornada que virou precisamente ao redor dos sentidos.

Taste Lab é unha empresa que traballa no campo da análise  sensorial e que conecta boa parte do seu traballo coa industria agroalimentaria. A súa función é servir de nexo de unión entre a industria e o consumidor final, facilitando que as empresas coñezan máis e mellor os gustos dos seus clientes.

O 80% dos produtos que se lanzan ao mercado fracasan. Nesta premisa baséase Taste Lab, que pretende coñecer os gustos dos consumidores reais e traballar sobre eles para entender por que uns produtos gustan e outros non.

Taste Lab fundouse hai máis de 3 anos por 3 doutoras especialistas no sector farmacéutico e alimentario e 1 científica especialista en análise de datos. A idea é que coa colaboración dos departamentos de Química Analítica, Nutrición e  Bormatoloxía e o departamento de Estatística e Investigación Operativa, da USC se consiga axudar ás empresas a tomar decisións para ser capaces de coñecer os gustos do consumidor axudándoas a anticiparse e responder as súas demandas.

A súa metodoloxía de traballo consiste nun dobre panel: o de consumidores (que proban e valoran un determinado produto) e o de catadores adestrados, que caracterizan sensorialmente os produtos. Desta maneira,  Taste Lab obtén unha visión subxectiva (a dos consumidores) e outra obxectiva (a dos catadores expertos) que se combinan para saber se un produto gusta (o criterio do consumidor) e por que o fai (as valoracións e parámetros dos expertos). Este sistema proporciónalles ás empresas que elixen os seus servizos as claves de mellora e as valoracións dos seus produtos.

Con esta metodoloxía, a empresa desenvolveu un software propio, que presentou este venres no seu aniversario, chamado  SENSEBIT, e que permite automatizar toda a información, ofrecéndolles os datos de comparativa e análise de maneira instantánea aos seus clientes.  Esta tecnoloxía foi merecedora do premio Pascual  Start  Up, o que significou, como afirman desde a empresa, un importante recoñecemento e un empuxe para seguir traballando no que pretende ser o futuro do sector agroalimentario. Ademais, este premio permite dar a coñecer a empresa, relanzándoa “a nivel España”.

No seu terceiro aniversario procederon tamén a inaugurar as súas instalacións lucenses, xa que, aínda que levaban un tempo nelas non se inauguraran de maneira oficial. Polo que este venres, nun acto celebrado pola mañá mostraron a súa tecnoloxía e mesmo ensinaron o funcionamento dun panel de catadores a todos os que asistiron a celebrar os tres anos de Taste Lab.

Comparte...