Falso bizcocho de yogurt, sopa de mango, manzana y pan de especias del restaurante Paprica

A Guía Michelin recomenda o restaurante Paprica. Innovación e excelencia gastronómica en Lugo

Foto: Falso biscoito de iogur, sopa de mango, mazá e pan de especias do restaurante Paprica

Patricia Fernández

A gastronomía lucense está de parabéns. A mítica Guía Vermella tamén deixou a súa presenza na cidade da muralla recomendando un novo establecemento da capital, o restaurante Paprica, do chef Álvaro Villasante, sen dúbida un referente de cociña de autor na provincia. Creatividade, calidade e exaltación do produto local son as constantes que estiveron presentes na súa cociña desde a súa apertura en setembro do ano 2009.

Membro do destacado Grupo Nove, o restaurante conta con outras distincións como a Q de calidade, o certificado CRAEGA ou o certificado Pesca De Rías. Unha boa mostra do seu traballo constante en prol da calidade dos produtos de Galicia e do seu emprego na cociña.

Situado en pleno centro histórico baixo o abrazo da impoñente muralla romana que preside a cidade, é un dos maiores expoñentes de innovación culinaria ben entendida. Unha aposta arriscada e diferente que encandea a todo aquel que a proba.

A formación de Álvaro da man de chefs como Santi Almuíña, María Varela, Anxo Palacios, Ramón Freixa ou Gonzalo Tamames, xunto coa súa creatividade e a súa forxada vocación como chef  achega ao seu restaurante Paprica unha excelente oferta gastronómica sempre sorprendente. A súa cociña estacional e imaxinativa, o seu respecto  excepcional polo produto, a oferta de cociña en miniatura da súa gastrobar, a súa coidada carta de viños ou a súa acolledora terraza de verán, son só algúns dos atractivos que ofrece este punto de referencia da gastronomía lucense.

Restaurante Paprica. C/ Nóreas, 10. 27001 Lugo

Tel. 982255824  www.paprica.es

—-

Os textos asinados responden exclusivamente á opinión dos seus autores e non forman parte da liña editorial de BenBo, que non sempre se identifica cos mesmos e non se responsabiliza das opiniones vertidas neles. BenBo reservase o dereito de publicar ou editar os textos que reciba sen telos solicitado.

Comparte...